Centro Comunitario en Cantodarea
Finalista COAG XV
Proxecto Fin de Carreira
Marín. Pontevedra
María Novas Ferradás
Texto
1. Introducción
A pesares da situación céntrica do núcleo de Cantodarea, na vila de Marín, as problemáticas do seu desenvolvemento quedaron a mercé de quen o habitou. Co paso dos anos, a incapacidade e ausencia de respostas foron xestando o actual deterioro e abandono desta área urbana.
A intención da intervención global do exercicio aquí presentado, é a de recuperar e rexenerar o espazo público do lugar como un primeiro e fundamental paso para rehabilitación do núcleo. A creación do centro comunitario, lugar e rótula de conexión, reforza esta estratexia á seguir.
Procúrase pois, impulsar a mellora do entorno ó tempo que se asumen as súas particularidades e características de expresión propias, para en definitiva, devolver ó espazo público á cidadanía e mellorar as oportunidades de vida veciñal.
2. Xustificación da solución adoptada
Proxectar é elixir. Todo acto creativo supón sempre unha elección e, en consecuencia, un rexeitamento.
En primeiro lugar, quero aclarar que para xustificar a miña elección, non solo me servín da racionalidade dalgúns das formulacións [orientación, topografía, etc.], senón da tamén da sensibilidade que este lugar, real e triste exemplo da habitual inexistencia de planificación e abandono dos núcleos galegos, me transmitiu ó longo do tempo de traballo.
Cantodarea é o resultado caótico da falla de recursos, da auto-costrución, da ausencia de interese e da forte presión demográfica. Dende a súa orixe coma núcleo mariñeiro, a súa realidade actual xestouse paseniño ó longo dos anos. Cantodarea conta actualmente cuns espazos públicos ademais de escasos, degradados. A baixa calidade do entorno derivou nun abandono e éxodo cara o centro urbano da súa veciñanza e na repoboación de persoas con acceso a escasos recursos, na súa maioría inmigrantes empregados no sector da pesca.
O espazo público
Como primeiro paso, penso que é clave a intervención no espazo público do núcleo. Faise unha proposta de humanización, qué a vez de uniformizar e outorgar identidade, poña en valor o carácter singular, fraccionado, rochoso e irregular de cada un dos seus recunchos. Acompañando esta idea, faise unha proposta de ordenanza que coide e afiance a rexeneración da identidade do conxunto do núcleo. Ademais, a incorporación duns regos e canais que descorran sobre o seu singular relevo, quere solventar o problema actual da auga e as súas fortes escorrentías nos días de choiva, canalizando dende as partes máis altas [o lavadoiro] ata as máis baixas [praza da fonte/antiga liña de mar] recuperando a conexión simbólica entre Cantodarea de Arriba e Cantodarea de Abaixo, hoxe desvirtuada pola estrada que os separa. O punto de articulación, onde se atopa o edificio, é o lugar de chegada, de saída, de encontro.. Crear unha praza pública, unha abertura do espazo entre a alta densidade construtiva, resulta ser a miña primeira elección.
O centro comunitario
Elixo elevarme, o espazo público é o verdadeiro protagonista, a cota terrea fica ceibe para as persoas. Elixo aproveitar a orientación sur.
Elixo empregar unha linguaxe contemporánea singular, crear un elemento que sirva de referencia e que colabore na vida comunitaria tanto estando aberto coma pechado. Elixo un material dos nosos tempos, o formigón, e elixo a cor branca, reminiscencia das antigas vivendas caleadas mariñeiras que poboaban a zona. Emprego o granito, material local, a dureza e a base sobre a que se ergue o tubo pregado fraccionado, igual que se erguen as vivendas sobre as floracións rochosas do entorno.
A súa forma abstracta, non responde a ningunha das tipoloxías da contorna, nin quere facelo. Elixo facer un elemento singular que actúe como referencia e fale da ubicación dun equipamento e dun espazo público diferentes.
Non renuncio, a pesar desta contemporaneidade, á integración. A escala contida, a súa posición respecto ó entorno, a materialidade... o edificio non procura senón ser o lugar. O seus pregos e forma irregular concorda e pon en valor está mesma característica do entorno sobre o que se pousa.
O parque das árbores
Elixo proxectar outra dotación comunitaria, unha zona verde, branda, traseira, de conexións e tránsitos interiores máis sutís. Formúlase unha carballeira con árbores autóctonas de carácter natural e interior, que solvente os desniveis e procure continuidade nos percorridos. Un refuxio para a vexetación pública, máis sobre todo, un refuxio para as persoas.
3. A solución adoptada
O tubo continúo de formigón branco visto, de maior singularidade, constitúe a primeira planta. Pousado sobre a peza anterior, e axudado por oito piares, voa sobre a praza pública creando un espazo cuberto de goce para a cidadanía. Nel desenvólvese o programa de centro comunitario, ficando a planta terrea para o acceso principal e a cafetería, a cal posibilitando o seu funcionamento coma dinamizador do entorno da praza.
Un acceso secundario ven dende a parte traseira ou parque das árbores, establecendo tamén unha continuidade entre o edificio e este espazo. Antes de que se produza o acceso, por un furado no muro, un espazo exterior a modo de balcón serve de asomo e conexión visual coa praza, outorgándonos unha conexión máis co lugar dende unha cota superior.
No seu interior, a continuidade espacial pretende ser reflexo da súa continuidade formal e estrutural. A fragmentación da súa forma serve para organizar os distintos espazos funcionais. De primeira man, as oficinas de servizos comunitarios, de carácter máis intimo e con vistas ó parque. O núcleo central contén a recepción, as comunicacións e os aseos. En todo o interior as particións son lixeiras, o vidro serve para manter a continuidade visual dos pregues da cuberta, que nos anima a percorrer o edificio ata a súa última abertura: o palco ou balcón. Conectado ó último dos obradoiros, este espazo serve ó auditorio exterior que conforman as gradas da praza pública, permitindo moitas posibilidades de uso público [actuacións, pregóns, concertos..]. Os obradoiros, formúlanse de diferentes tamaños coa intención de que posibiliten infinidade de usos, ó igual que o espazo polivalente de mesas. Ademais, o emprego de tabiques móbiles permiten diferentes combinacións segundo o tipo de actividade; se requiren un maior illamento ou se pola contra precisan un maior espazo ou carácter aberto ó público [por exemplo, que eu poida observar un ensaio de danza dende a zona de mesas mentres estou co meu portátil, ou poder achegarme ata onde fan o curso de ioga sen que existan cohibicións espaciais]. O edificio invita a percorrelo, a achar que garda cada unha das súas partes, a que sexamos consciente da vida que xera no seu interior e que, irremediablemente, nos animemos a participar e formar parte dela.
A praza pública
O xesto é claro. O recollemento. A creación dun lugar por e para o núcleo.
Elixo fixarme nas pequenas vivendas, nas pendentes, nos rueiros. Virarme cara elas e reivindicar a súa singularidade, a súa dignidade, a súa posta en valor.
Rexeito o urbano máis duro, que hoxe é barreira coa vila e co mar.