Obradoiro Dixital / Revista de Arquitectura / Outubro 2018 / Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia

Centro de visitantes da Cidá de Borneiro

Finalista COAG XV
Proxecto Fin de Carreira

Cabana de Bergantiños. A Coruña
Alfonso Peiteado Carpinteiro

Texto

O obxectivo do proxecto é a construción dun centro de visitantes para o Castro Cidá de Borneiro, en Cabana de Bergantiños. Entendo o castro como un feito imaxinario, feito que conleva a necesidade de aproximación para poñerse en contacto con el, necesidade de evasión, illamento… distancia en definitiva. Preparación do visitante mentres percorre o camiño, mentres anda. O percorrido persegue mediar unha relación, reservando o tempo necesario para o encontro do home coa súa historia.

Vinculado á Cidá existen dúas rutas. Unha delas, a arqueolóxica, debido ó seu trazado e ós elementos que une (Cidá, dolmen de Dombate, castelo de Borneiro, mirador da Fernandiña…), poténciase e incorpórase ó proxecto. O percorrido da ruta reúne arquitectura, paisaxe, arqueoloxía e escultura prehistórica. Existe unha estratexia de aproximación ó territorio e plantéxase un mapa para saber cómo percorrela, mapa tamén como expresión xeográfica. Como conclusión, o posible emprazamento como punto de partida e chegada do percorrido arqueolóxico, manténdose nunha posición estratéxica no conxunto cidá-ruta-núcleos.

A posibilidade de escoller un lugar que reunise as cualidades funcionais e imaxinarias para realizar o proxecto, conlevou un estudo previo da estrutura xeográfica. Os límites proporcionaron, neste caso, o lugar no que asentarnos, entre o camiño de acceso á cidá dende o núcleo, a agra e o borde construído de Borneiro.

Unha vez escollido o lugar, búscase integrar escala, orientación e xeometría, atopando a relación ideal entre espazos baleiros e edificios. Vincúlase o edificio á estrutura urbana, con vocación de suma, e incorpóranse varios espazos públicos. O límite como leito e campo de posibilidade. Búscase unha escala miúda similar á do caserío e a igrexa, que non anule a escala de núcleo, así como a continuidade da riqueza espacial e xeométrica dos espazos baleiros existentes, mediante a realización dunha praza.

A orde dos novos espazos, ven ofrecida polos edificios existentes no lugar: igrexa e adro, cemiterio e casa reitoral. Enfréntanse as pezas de museo e cafetería-tenda (parte de carácter público do conxunto) á igrexa e reitoral, e mantense nunha posición tanxencial á peza destinada ós traballos arqueolóxicos (de carácter privado). Finalmente aparece un borde libre na praza, limitado por vexetación e polo camposanto, de carácter íntimo e recollido. Recupérase o adro orixinal mediante a apertura deste espazo cara a nova praza, mantendo a súa condición de espazo sagrado cun cambio de nivel e un novo tratamento superficial e, por outra parte, acentúase a presencia da igrexa abrindo as súas vistas cara o val.

Definido o edificio, falta o carácter dos espazos públicos: un espazo de chegada situado ó sur do edificio, con vocación de transición entre o natural e o artificial, e a praza inclinada de carácter natural e brando. Estes espazos conforman elementos urbanos diversos: socalco, plano inclinado, escalón urbano, escalinata, xardín, bosque ordenado, mirador, merendeiro, ágora, soportal… facilitando a diversidade de usos e o disfrute dende o punto de vista do público. A relación entre praza e edificio resólvese mediante unha pérgola a modo de soportal, que une as tres pezas e crea un espacio-transición entre exterior e interior, resolvendo as entradas ós edificios e á praza mediante espacios cubertos. O interior, totalmente neutro, fai que o exterior se enfatice máis. Continuidade espacial e relación co exterior mediante ocos practicados en muros e cubertas.

A construción realízase por capas: estrutura de formigón visto interior, buscando a continuidade material, e capa exterior de pedra de gran formato con despece non continuo, que busca a expresividade das fachadas do edificio. No interior atopamos pavimentos continuos de formigón pulido, núcleos de servizos de madeira contrachapada e carpintarías de madeira e vidro, buscando as entradas de luz.

En definitiva, rehabilítase un espazo degradado, ocupado por un aparcamento e un espazo residual, e constrúese un espazo público enriquecido con actividades e usos urbanos, mediante un edificio que pretende funcionar coma equipamento do núcleo (café-bar, lugar de reunión…) rexenerando e reactivando o lugar.